O HTC One dourado chegará ás tendas de cara ao Nadal

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

En outubro HTC apoiara aos Premios MOBO cunha edición limitada do seu HTC One bañada en ouro, da que só había 5 unidades valoradas en 2.750 libras esterlinas, pero a compañía taiwanesa quere satisfacer o capricho dos consumidores que gustasen dun móbil de tal cor, e vén de anunciar en Londres que, aparte de contar con modelos do HTC One en prata, negro, azul e vermello, tamén o porá á venda en cor dourado con acabados en negro, conseguindo así transmitir unha sensación de luxo e estilo (aínda que algúns consumidores poidan considerar de mal gusto tal tipo de ostentación).
O presidente de HTC para Europa, Oriente Próximo e África, Philip Blair, asegura que tras o éxito do HTC One de ouro de 18 quilates “estamos excitados por ter desenvolvido o noso propio dispositivo de ouro, ofrecendo unha maior selección aos consumidores”.
O novo produto vai distribuírse a través das principais cadeas de telefonía no Reino Unido e tamén a través de Vodafone, agardándose que chegue tamén ao resto dos mercados europeos nas vindeiras semanas, procurando estar dispoñible de cara ao Nadal.

PUBLICIDADE