O HTC One mini 2 chegará cun deseño atractivo e cámaras de 13 e 5 Mpíxeles

xoves, 15 de maio do 2014 Marcus Fernández

HTC parece ter moi claro que apostar polos bos acabados foi o que levou ao seu HTC One a ter unha boa aceptación, e tras a chegada da súa revisión, o HTC One (M8), era de agardar que chegasen os seus irmáns, como o HTC One mini 2, que podería converterse nun dos teléfonos máis atractivos do mercado, adoptando un tamaño bastante compacto grazas á súa pantalla de alta definición de 4,5 polgadas, e cun acabado metálico moi rechamante.
Atendendo ás tendencias do mercado, o novo smartphone coida o disparo de auto-fotos cunha cámara frontal de 5 Mpíxeles; tamén integra o sistema HTC BoomSound, uns altofalantes amplificados situados na parte frontal do móbil conseguindo unha magnífica experiencia de uso durante a reprodución multimedia; Android 4.4 coa capa de personalización HTC Sense 6; e HTC Zoe Highlights e a aplicación para compartir contidos Zoe, que buscan axudar á creatividade. Curiosamente, tras presumir en numerosas ocasións dos ultrapíxeles dos HTC One, desta volta parece que o smartphone contará cunha cámara traseira de 13 Mpíxeles (na liña do que teñen a meirande parte dos smartphones de alta gama do mercado).
O HTC One mini 2 sairá á venda en xuño, e estará dispoñible en cores gris, prata e ouro, cunha aparencia metálica que podería ser a chave do seu éxito.

O HTC One mini 2 venderase en 3 cores distintas

PUBLICIDADE