O HTC U11 pode controlarse con apertóns

martes, 16 de maio do 2017 Marcus Fernández

Aínda que HTC leva uns anos sen conseguir destacar entre o competido mercado dos smartphones con Android (pese a ser un dos seus pioneiros), agora podería escalar posicións grazas ao seu novo teléfono de alta gama, o HTC U11, que non só ten unhas boas prestacións, senón que busca innovar mudando o xeito de controlar o dispositivo ao integrar Edge Sense, unha tecnoloxía que permite interactuar co terminal mediante a forza do seu agarre, ou sexa, que cun apertón poderemos disparar fotografías, lanzar aplicacións, enviar mensaxes en marcha... en definitiva, que simplifícase o control do móbil.
O HTC U11 tamén aposta por presentar unha superficie de cristal líquido que consegue asombrosas cores, ten un deseño moi delgado e simétrico, a súa pantalla de 5,5 polgadas presume de fidelidade de cor e incluso vén acompañado por uns auriculares intrauditivos HTC USonic que combinan a cancelación de ruído activa coa capacidade de axustar o audio ao novo ouvido, conseguindo unha calidade sonora excepcional.
A nivel de cámara, en vez de apostar pola dobre cámara e o desenfoque selectivo, o HTC U11 opta por conseguir mellores fotografías e vídeos empregando un maior rango dinámico, o que chaman HDR Boost, que xunto ao enfoque automático UltraSpeed e un sistema de estibilización electrónico consegue resultados de calidade.
No tocante ás súas especificacións, falamos dun smartphone con pantalla Super LCD 5 Quad HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 835 de 8 núcleos, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 2 TB), cámaras de 16 e 12 Mpíxeles, 4G de categoría 15 (capaz de chegar a velocidades de 800/75 Mbps), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, resistencia IP67 e batería de 3.000 mAh con Quick Charge 3.0 a través de USB-C. Confíase en que chegue ao mercado o 1 de xuño a un prezo que parte dos 749 euros.

Vídeo promocional do HTC U11

PUBLICIDADE