O Huawei Ascend G 615 chega a Alemaña a 299 euros

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses de teléfonos móbiles están a reforzar a súa presenza fóra dos mercados asiáticos, e así presentouse en Alemaña o Huawei Ascend G 615, que consegue manter un prezo libre tan axustado como 299 euros á vez que ofrece unhas prestacións bastante avanzadas, xa que estamos ante un smartphone con Android 4.0 con pantalla IPS de 4 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, que funciona cun procesador de 4 núcleos a 1,4 GHz, gráfica de 16 núcleos, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb).
Este completo móbil tamén conta con Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, conectividade 3G con velocidades de ata 21 Mbps de baixada e 5,76 Mbps de subida, cámara traseira de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo a 1.080p, efecto HDR e flash LED dual, cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, batería de 2.150 mAh (que achega ata 11 horas de conversa e 360 horas en espera), un grosor de 10,5 milímetros e un peso de 145 gramos. Un dos distribuidores que comercializarán este móbil é Amazon, polo que en breve tamén estará dispoñible dende España.

PUBLICIDADE