O Huawei Ascend P2 reduce a barreira de acceso aos móbiles de alta gama

luns, 25 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos meses non eran poucos os usuarios pendentes día a día da tenda en liña de Google para intentar facerse cun Nexus 4, pero compañías como Huawei poden contribuír a mudar a situación, propondo smartphones equiparables en prestacións e prezo, e chegando incluso a aportar un toque de deseño que a podería parecer alleo ao habitual desta compañía chinesa. Deste xeito, durante o segundo trimestre do ano teremos nas tendas un máis que interesante Huawei Ascend P2, que presume dunha pantalla IPS de 4,7 polgadas de alta definición, procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, conectividade LTE, cámaras de 13 e 1,3 Mpíxeles (a primeira con HDR) e batería de 2.420 mAh.
Non só temos un móbil que poderiamos considerar de alta gama, que incorpora Android 4.1 (cunha capa gráfica chamada Emotion UI), conectividade NFC e Corning Gorilla Glass, senón que tamén ten un grosor de só 8,4 milímetros, conseguindo darlle unha estética de primeira división pese a que esteamos ante un terminal que só custaría 399 euros libre (prezo moi por debaixo dos seus competidores, que tenden a superar os 600 euros).


Vídeo promocional do novo Huawei Ascend P2

PUBLICIDADE