O Huawei E583C permite compartir unha conexión de banda larga móbil entre 6 dispositivos

martes, 3 de agosto do 2010 Marcus Fernández

A boa acollida que teñen os dispositivos coma o MiFi, que permiten compartir unha conexión a Internet de banda larga móbil a través de Wi-Fi entre varios equipos levou a Huawei a continuar a lanzar produtos nesta liña, presentando agora o E583C, que cun peso de só 90 gramos e unha pantalla OLED dunha polgada (na que amosa información sobre a conectividade móbil) permite transformar un sinal HSPA (cunha baixada de ata 7,2 Mbps e unha subida de ata 5,76 Mbps) en Wi-Fi para ata 5 dispositivos (aos que pode engadirse un sexto a través de USB).
O Huawei E583C é un dispositivo plug-and-play que elimina os complicados procesos de instalación de controladores, sendo compatible con Windows, Mac ou Linux. Tamén integra un lector de tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb de xeito que pode funcionar como unha memoria externa. Chega ao mercado asiático este mes a 1.380 dólares de Hong Kong (134,98 euros).

PUBLICIDADE