O Huawei Mate X sae á venda en China

venres, 15 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Tras unha sucesión de adiamentos por fin chegou hoxe ao mercado chinés o agardado Huawei Mate X, o primeiro smartphone con pantalla encartable da compañía chinesa que destaca por ousar a situar a súa pantalla encartada no exterior do dispositivo, exposta ás agresións do uso diario, o que fai que sexa un produto tan atractivo como fráxil.
Este novo dispositivo púxose á venda por 16.999 iuans (2.195 euros) e as unidades esgotáronse en só uns poucos minutos, polo que podemos entender que o número de unidades postas á venda foi moi limitado, e non haberá máis dispoñibles até o venres 22.
A propia Huawei recoñece que só puxo á venda un número limitado de unidades, o que sumado aos retrasos no lanzamento dá a entender que a compañía quere ser prudente, e teme que os Huawei Mate X poidan ser un produto inviable comercialmente polo mero feito de seren excesivamente vulnerables a danos accidentais.
Polo momento Huawei recoñece non ter plans para vender o seu móbil encartable fóra de China, o que pode responder tanto ás precaucións que están a tomar co dispositivos como ao feito de que aínda non resolveron os seus problemas con EE.UU., polo que non teñen xeito de vender o Mate X cos servizos de Google preinstalados, o que é un grande problema á hora de pór á venda un dispositivo con Android nos mercados occidentais.

PUBLICIDADE