O IGAPE achega novos apoios ás pemes para o impulso de máis de 200 proxectos de dixitalización
luns, 5 de xuño do 2023
O
director
do IGAPE, Fernando Guldrís, visitou este luns 5 de xuño, en Porto
do Molle (Nigrán), as instalacións de Gaictech, empresa de
fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado
que implementou, grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0,
unha xestión integral tecnolóxica do seu proceso produtivo. Isto
permitiulle acadar unha maior eficiencia e control desde o pedido do
cliente até o subministro, pasando pola compra do material, o seu
almacenamento e o corte láser do mesmo.
Neste
marco, Guldrís sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG)
publicou este luns 5 unha nova convocatoria desta liña de apoios,
cuxo prazo de presentación de solicitudes ábrese este martes 6 e
coa que se aspira a “facilitar a transformación industrial das
pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200
proxectos de dixitalización”.
Cun
orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de
sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos
entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa
cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e
conectividade da peme.
Esta
é a oitava convocatoria do programa, que “conta cunha ampla
demanda desde o seu arranque en 2018”, apuntou Guldrís, quen
resaltou “a súa importancia para impulsar a reactivación do
tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o
impulso aos procesos de dixitalización”.
En
réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos
colectivos como individuais que busquen implantar solucións de
interacción, sistemas de Intelixencia Artificial ou aqueles
encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35%
dos investimentos materiais e inmateriais subvencionábeis para as
pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50%
dos custos de colaboracións externas.