O IGFAE da USC impulsa un dispositivo portátil e intelixente para a detección automatizada de radon

martes, 22 de xuño do 2021 S. P.

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC colaborou no deseño e desenvolvemento dun prototipo para a detección de gas radon en edificacións. Consiste nun pequeno dispositivo que se conectaría a unha rede sen fíos e que controlaría, de forma automática, a concentración de radon na súa contorna.
Este sistema de detección contén no seu interior un sensor de silicio fabricado no Instituto de Microelectrónica de Barcelona (IMB-CNM-CSIC). Segundo engade o instituto da Universidade de Santiago, trátase dun prototipo en fase de estandarizado. É o resultado do proxecto tecnolóxico CARE, enfocado á fabricación dun detector intelixente para a monitoraxe do dito gas.
A iniciativa contou coa participación de dous centros públicos de investigación, o IGFAE e o IMB- CNM-CSIC, e de catro empresas, Alivaba Systems, ATI Sistemas SL, Radiansa Consulting SL e Sensing & Control Systems SL.
O instituto galego explica que o detector portátil será quen de proporcionar a medición real e periódica a través da rede sen fíos á que estea conectado, tendo capacidade para detectar os elementos radioactivos xerados durante a desintegración do radon a través dun sensor semicondutor que achega avaliacións do ar con frecuencias inferiores á media hora. Neste punto, precisamente, radica unha das principais novidades desta tecnoloxía. Así nolo explica a investigadora Dolores Cortina, coordinadora do proxecto no IGFAE: “A maioría dos detectores comerciais o que fan é promediar a concentración de radon rexistrada nas 24/48 horas precedentes”, e para remedialo e achegar un seguimento máis constante no tempo “foi clave a implementación dun algoritmo axeitado ás altas capacidades do sensor desenvolvido, permitindo combinar rapidez e fiabilidade na medida”, informa a investigadora, incidindo noutros recursos aplicados, como un sistema que “permite xestionar a información proporcionada polo monitor”, así como “un mecanismo intelixente para actuar sobre unha instalación de ventilación en función das concentracións de radon medidas”.
O IGFAE participou activamente no deseño conceptual do sensor e tamén foi responsábel da realización das probas de calibración e validación, tanto nas súas instalacións experimentais como en contornas reais.
Neste traballo participaron os investigadores José Benlliure, Juan José Llerena e Dolores Cortina. O seguinte reto, explican, “será fabricar unha serie limitada de sistemas de detección de radon para a transferencia comercial do sistema”.


PUBLICIDADE