O INE pretende coñecer os movementos dos cidadáns analizando datos de posición dos móbiles

martes, 29 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O diario El País desvela que o Instituto Nacional de Estatística (INE) pretende analizar os movementos dos cidadáns a través dos seus teléfonos móbiles, para o que tomarían datos de 4 días laborais de novembro (do 18 ao 21), un domingo e tres días de vacacións. O INE empregaría datos de posición dos móbiles achegados polos operadores de telecomunicacións e debidamente anonimizados, de xeito que o organismo publico sabería dos movementos dos terminais de xeito agregado, pero non tería información relativa aos titulares das liñas.
Este estudo permitiría coñecer os cidadáns que se moven dun concello dormitorio a unha cidade, o número de persoas que traballa no mesmo barrio no que vive ou como fluctúa a poboación de cada territorio ao longo do día, datos que axudarían a mellorar o deseño da rede de transporte.
Este traballo piloto de mobilidade estaría enmarcado nun proceso de renovación das estatísticas por parte do INE, que cada vez buscan apoiarse máis no Big Data e menos nas enquisas. Deste xeito no futuro procurarán asinar acordos con grandes cadeas comerciais para poder ter datos precisos dos prezos dos produtos. No que a móbiles se refire, tamén consideran que podería ser de utilidade aproveitar os datos das liñas móbiles en itinerancia para coñecer os movementos dos turistas.
Aínda que aseguran que o INE non vulnerará a lexislación de protección de datos con esta iniciativa, xa hai expertos que apuntan que iso non sería correcto, xa que a lexislación só permite este tipo de cesión de datos a certos axentes facultados (corpos de seguridade, funcionarios de aduanas e persoal do CNI) entre os que non figura o INE.

PUBLICIDADE