O ITG achega un software para optimizar o subministro ao consumidor de enerxías renovábeis

mércores, 20 de novembro do 2019 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) desenvolveu unha ferramenta que permite xestionar as microrredes que xeran a electricidade con enerxías renovábeis, como sistemas fotovoltaicos ou eólicos. Ademais, disto, a solución permite almacenar a enerxía en baterías e integrar puntos de recarga de vehículos eléctricos, en edificios residenciais e comerciais. Esta contribución tecnolóxica, baseada na Internet das Cousas (IoT) a análise da información masiva (Big Data), é a proposta de ITG desenvolvida no marco de AGERAR, un proxecto europeo cuxos resultados foron dados a coñecer onte na Escola Superior Técnica de Enxeñaría da Universidade de Sevilla.
O software desenvolvido polo centro tecnolóxico galego xa foi probado como ferramenta de seguimento e monitoraxe nas instalacións do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial en Mazagón, Huelva, actuando na súa microrrede experimental e permitindo mellorar a toma de decisións sobre o funcionamento dos seus sistemas de enerxía sustentábel. “Co traballo despregado no instituto”, sinalou o ITG, “demostramos como o uso de sistemas de informacións baseados en IoT, con alta capacidade de procesamento e de análise avanzada de datos, contribúe a mellorar a toma de decisións na xestión desta tipoloxía de microrredes, que son as infraestruturas encargadas de solucionar a intermitencia da xeración renovábel de cara ao consumidor, garantindo un fiábel fornecemento de electricidade”.
Os demais socios do proxecto son a Universidade de Sevilla (coordinador); INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial); a Axencia Andaluza da Enerxía; a Axencia Rexional de Enerxía e Medioambiente do Algarve; a Universidade do Algarve; a Universidade de Évora e o INEGI (Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Industrial).
“A nosa solución tecnolóxica ten a capacidade de administrar grandes volumes de datos, converténdose nun instrumento de gran utilidade para a toma de decisións”, informa o ITG dende a súa sede da Coruña, engadindo que “esta ferramenta IoT, baseada en estándares internacionais, ofrece un gran potencial para os seus usuarios, xa que inclúe diferentes tecnoloxías como estándares de comunicacións (SWE, MQTT, MODBUS, BACnet, etc.), Big Data, modelos numéricos e estatísticos, etc”.
O proxecto europeo
A plataforma de xestión avanzada de ITG desenvolveuse no marco do proxecto AGERAR (Almacenamento e xestión de enerxías renovábeis en aplicacións comerciais e residenciais) ao abeiro do programa INTERREG V-A España - Portugal (POCTEP) 2014-2020, que ten como obxecto promover a eficiencia enerxética e os criterios de sustentabilidade en microrredes comerciais e residenciais, incrementando o uso e mellorando a xestión de enerxías limpas grazas aos sistemas de almacenamento e á utilización de Tecnoloxías de Información e Comunicación (as TIC).
“Os resultados das solucións materializadas conclúen AGERAR non só axuda a aforrar enerxía; tamén contribúe a mellorar a calidade da subministración eléctrica, a reducir a contaminación ambiental, a mellorar a certificación enerxética dos edificios e a promover o autoconsumo”, sinala o ITG.

PUBLICIDADE