O ITG, recoñecido como centro de excelencia para o impulso estatal da transición enerxética

martes, 17 de novembro do 2020 Sandra Rivadulla

Por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación e a través do CDTI, o ITG é o único centro tecnolóxico galego que participa na Rede de excelencia HysGrid +, unha alianza española de entidades para o desenvolvemento de comunidades locais enerxeticamente positivas. Tamén interveñen neste proxecto outros 4 centros tecnolóxicos nacionais.
Todo isto consiste nunha Rede estratéxica para o Goberno Central pola súa importancia para a I+D a nivel nacional, xa que a novo paradigma enerxético necesitará de innovadoras solucións intelixentes para cumprir cos obxectivos de descarbonización e de electrificación, marcados tanto por España como por Europa.
A contaminación de grandes cidades ou o cambio climático fan que o marco europeo estableza para 2030 tres obxectivos claros: redución nun 40% das emisións de gases de efecto invernadoiro, unha mellora na eficiencia enerxética dun 32,5%, así como un 32% de xeración de enerxía baseada en fontes renovábeis. Desta maneira, apróbase por segunda vez a iniciativa no marco do Plan Cervera, que ten como obxectivo principal alcanzar unha maior captación científico – tecnolóxica e o reforzo da visualización en ámbitos internacionais.
Co fin de dar resposta ás necesidades que xorden do notable crecemento das urbes, HysGrid+ traballará na creación dun sistema de control centralizado que permita a xestión óptima de todos os recursos enerxéticos, tanto eléctricos como térmicos, en comunidades enerxéticas locais a través da creación de sistemas híbridos capaces de xerar enerxías renovables e de almacenalas ao mesmo tempo. Como socios de HysGrid+ pódese citar ao Instituto Tecnolóxico de Enerxía (ITE), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), ou a centros tecnolóxicos especializados como IKERLAN, AICIA ou CARTIF.
O director da División de Enerxía de ITG, Santiago Rodríguez Charlón, afirma que “os sistemas de enerxía urbanos teñen un papel especialmente importante no desenvolvemento de sistemas enerxéticos sustentábeis, xa que as redes de enerxía nas cidades reúnen unhas características particulares que permiten a utilización de almacenamento de forma eficiente e a exploración de sinerxías entre os diferentes recursos, axentes e sistemas (eléctrico e térmico)”. Ademais, Rodríguez Charlón informa de que “no contexto enerxético urbano, os novos sistemas de enerxía intelixentes que se expoñan deberán proporcionar unha flexibilidade na transición cara a sistemas neutrais en emisións de carbono que permitan aos consumidores ser parte activa do ecosistema enerxético, producir a súa propia enerxía e elixir de forma fácil servizos enerxéticos de acordo coas súas propias preferencias e intereses. É dicir, necesítase un enfoque máis amplo e integrador que permita axustar e integrar recursos enerxéticos renovábeis e mellorar o aforro e a eficiencia enerxética dando un papel protagonista ao usuario ou consumidor”.

PUBLICIDADE