O Kinect das mans chegará ao mercado en maio

mércores, 27 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Leap Motion anunciou hoxe que a data de estrea oficial do seu sistema de control por movemento, que algúns describen como o Kinect para mans, comezará a enviarse aos usuarios finais o vindeiro 13 de maio, dando prioridade aos usuarios que o reserven (é posible pedir un dende a súa páxina web por pouco máis de 80 euros, cos gastos de envío incluídos) e procurando tamén comezar a distribuílo en tendas norteamericanas o 19 de maio, desencadeando unha tecnoloxía con moito potencial, por permitir utilizar xestos das mans para interactuar co sistema operativo do noso ordenador (é compatible con Windows 7/8 e OS X 10.7/10.8) para a que tamén se están a desenvolver numerosas aplicacións que acepten o novo dispositivo.
Entre as empresas que aproveitarán o Leap Motion Controller están Disney (que adaptará algúns dos seus xogos, como Cut the Rope), Autodesk (que está a traballar nun engadido para integrar o controlador en ferramentas de modelado 3D) e Corel (que desenvolve unha aplicación de debuxo específica para o dispositivo de Leap Motion). Ata a aplicación de Weather Channel facilitará a consulta do tempo empregando este revolucionario sistema de control no que podemos manexar un sistema informático sen contacto físico, o que é de agardar que teña moitos usos profesionais (por exemplo, en contornos clínicos, onde a asepsia é moi importante).


Vídeo de presentación do Leap Motion Controller

PUBLICIDADE