O LG G3 podería ter unha pantalla con resolución 2K

luns, 14 de abril do 2014 Marcus Fernández

Tras a boa acollida do LG G2 por parte da crítica hai moita expectación sobre o que será o vindeiro smartphone insignia do seu fabricante, e varios medios en liña están a dar conta dalgunhas das prestacións que podería integrar o LG G3, que van dende integrar 3 Gb de RAM e funcionar con Android 4.4.2 ata contar cunha impresionante pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (resolución coñecida como 2K, por dobrar a resolución de alta definición básica).
A carreira por incrementar a densidade de píxeles en pantalla parece imparable (pese a dar a impresión de que xa se superaron os límites do que un ollo humano pode distinguir), mentres que o resto de prestacións do LG G3 serían bastante predicibles: conectividade LTE, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de ata 64 Gb) e cámaras de 13 e 2,1 Mpíxeles. Tamén podería funcionar cun procesador Quallcomm Snapdragon 801 (polo que LG non esperaría á chegada do Snapdragon 805 para comercializar o seu novo smartphone, que podería pórse á venda a comezos do outono).

Benchmark publicado por Ubergizmo que revelaría a resolución de pantalla do LG G3

PUBLICIDADE