O LG G3 terá un modelo con stylus

martes, 26 de agosto do 2014 Marcus Fernández

LG continúa a adiantar os produtos que amosará a semana que vén na feira IFA de Berlín, e a última das incorporacións parece ser a resposta da compañía surcoreana para competir cos dispositivos Note da súa veciña Samsung, pois o novo LG G3 Stylus vén a ser unha versión do seu smartphone insignia que pode operarse cun lapis dixitalizador propietario (Rubberdium) que promete ser cómodo e preciso, e que virá acompañado con aplicacións que faciliten o seu uso para labores de produtividade e lecer.
Este smartphone que comezará a venderse en setembro conta cunha grande pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles (deixando claro que non sería un LG G3 cun accesorio, senón que estariamos ante un terminal con menores prestacións) e funcionaría cun procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 13 e 1,3 Mpíxeles e batería de 3.000 mAh. Tamén cómpre destacar que este smartphone que se venderá en negro, branco e dourado non contará con conectividade 4G, polo que é de agardar que o seu prezo sexa máis económico que os GALAXY Note cos que pretende competir.

PUBLICIDADE