O LG G8X terá unha pantalla secundaria opcional

venres, 6 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Antes do verán LG quixo responder aos móbiles con pantalla encartable cun accesorio para o LG V50 ThinQ 5G que consiste nunha pantalla secundaria opcional, e ese concepto parece ter certo potencial, polo que aproveitaron a feira IFA de Berlín para presentar o LG G8X, o novo smartphone insignia da compañía que tamén poderá gozar da LG Dual Screen, para crear unha nova experiencia de uso multi-tarefa.
A nova versión da LG Dual Screen ofrece unha bisagra de 360 graos, facilitando a colocación do teléfono e a pantalla dun xeito semellante a como fariamos cun ordenador portátil, e desta volta a pantalla secundaria presenta as mesmas 6,4 polgadas que a pantalla do LG G8X e cámara frontal, ou sexa, que case parece que temos dous teléfonos idénticos unidos por un lateral, conseguindo unha agradable simetría e conseguindo así unha maior versatilidade.
O LG G8X tamén presume dunha boa cámara frontal de 32 Mpíxeles, un par de altofalantes de 1,2 watts para conseguir unha experiencia estéreo perfectamente balanceada e tamén consegue unha aparencia limpa grazas a que agora para conectar a pantalla secundaria xa non se empregan Pogo Pins, senón que a funda que suxeita a segunda pantalla aproveitará o porto USB para a conectividade. Outros elementos salientables é que o teléfono opta por lector de pegada dixital en pantalla, a súa batería é de 4.000 mAh, ten resistencia IP68 a auga e po, a súa cámara traseira dual é de 12 e 13 Mpíxeles (aproveitando o segundo obxectivo como grande angular), funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 855 e chegará con 6 GB de RAM e 128 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB).

PUBLICIDADE