O LG Optimus 3D Max chega a Europa

luns, 23 de abril do 2012 Marcus Fernández

Continuando coa súa decidida aposta polo 3D LG comeza a distribución europea do seu terminal Optimus 3D Max, a segunda xeración deste tipo de móbiles que puido verse hai pouco no Mobile World Congress de Barcelona, e que supón unha actualización nas especificacións técnicas do primeiro móbil 3D da compañía, que combina unha pantalla 3D sen lentes cunha cámara con 2 ópticas para poder disparar fotografías e gravar vídeos estereoscópicos.
O LG Optimus 3D Max pesa 148 gramos (20 menos que o seu predecesor) e ten un grosor de só 9,6 milímetros, de xeito que consegue un formato bastante atractivo para un terminal que destaca polas súas boas prestacións cun procesador OMAP4430 de dobre núcleo a 1,2 GHz, pantalla 3D de 4,3 polgadas con Corning Gorilla Glass 2, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámara frontal e 2 cámaras traseiras de 5 Mpíxeles, saída HDMI compatible con televisores 3D, NFC, batería de 1.520 mAh e, por desgraza, sistema operativo Android 2.3 (o que resulta un tanto decepcionante para un terminal novo, cando xa están a chegar ao mercado móbiles con Android 4.0).
Aparte de poder gozar de contidos 3D neste novo móbil, tamén é posible ver en 3D contidos de Google Earth e Google Maps, o que mellora a experiencia de uso deste terminal que permite levar as tres dimensións no peto, sendo un dos seus grandes atractivos a posibilidade de captar imaxes 3D para despois velas no televisor 3D do fogar (para os usuarios que xa teñan un).

PUBLICIDADE