O LG Optimus G Pro estrea modelo internacional

mércores, 17 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Un dos móbiles estrela de LG, o Optimus G Pro, estaba a achegar aos mercados asiáticos en distintos formatos, de xeito que mentres en Corea do Sur vendíase cunha pantalla de 5,5 polgadas, no Xapón reducían a pantalla a 5 polgadas, e finalmente vemos como será a versión surcoreana a que chegará ao noso mercado, pois LG vén de anunciar o lanzamento global deste atractivo terminal móbil que puido verse por primeira vez no Mobile World Congress de Barcelona e que na pasada edición do LTE World Summit 2013 foi considerado como o mellor móbil con LTE (4G).
O LG Optimus G Pro chegará ao noso territorio cunha pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 13 e 2,1 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi n, unha xenerosa batería de 3.140 mAh, un grosor de 9,4 milímetros e un peso de 174 gramos.
Entre as súas funcionalidades o Optimus G Pro presume de incorporar software para poder disparar fotografías (e gravar vídeo) en modo dual (ou sexa, empregando ambas cámaras á vez), xerar fotografías de 360 graos, poder pausar as gravacións de vídeo, un sistema de enfoque avanzado e incluso a posibilidade de facer de mando a distancia dun Smart TV.


Vídeo promocional do modo de gravación de vídeo dual do LG Optimus G Pro

PUBLICIDADE