O LG Optimus L3II déixase ver no Mobile World Congress

mércores, 27 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

LG amosou hoxe en Barcelona o novo smartphone Optimus L3II, dentro da segunda xeración da familia Optimus L, que pretende manter a liña do Optimus L3, cun deseño sen fisuras, un contorno cortado con láser, un deseño traseiro radiante e un botón de inicio con iluminación LED, aparencia característica que dotou de identidade a esta liña de dispositivos que agora chegan con maiores prestacións, entre as que é principalmente de agradecer unha maior autonomía.
O LG Optimus L3II chega en 4 cores (negro, branco, rosa e titán), con pantalla IPS de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles, procesador a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, cámara de 3 Mpíxeles, batería de 1.540 mAh, un grosor de 11,9 milímetros e sistema operativo Android 4.1.2.
Tamén gozará do software específico de LG, con aplicacións como QuickMemo, que agora ofrece unha función de transparencia, de xeito que permite tomar anotacións nunha capa que facilita ver outra aplicación de fondo, eliminando a necesidade de partir a pantalla en dous para poder apuntar o que aparece noutra aplicación.

PUBLICIDADE