O LG Smarty leva Internet aos televisores

mércores, 4 de maio do 2011 Marcus Fernández

LG ten no mercado distintos televisores coa tecnoloxía Smart TV, o que lles facilita o acceso a distintos servizos en liña, e para os usuarios que teñan televisores menos avanzados anuncian agora o LG Smarty TV Box (ou Smarty ST600), un dispositivo que conta con HDMI para conectarse á pantalla e Wi-Fi para acceder á Rede, e que facilita o acceso ao correo electrónico, a Google, Facebook, novas, predicións meteorolóxicas e incluso o acceso a contidos Premium sen ter que utilizar un ordenador para iso.
Entre os contidos de televisión á carta dispoñibles para este dispositivo están os de Antena 3, Terra e TV3, incorporándose o mes que vén La Sexta. Tamén conta cun amplo catálogo de películas a xeito de videoclub e acceso a música (Los 40 e vTuner) e mesmo a Red Karaoke.
As redes sociais tamén estarán dispoñibles a un clic co Smarty, que facilita o acceso a YouTube, Facebook e Twitter; servindo tamén para reproducir no televisor películas, fotografías e música almacenadas nun disco duro ou memoria USB e mesmo no noso ordenador (xa que o trebello é compatible con DLNA).
A data de lanzamento e o prezo en España deste atractivo produto aínda non foi comunicado por LG.

PUBLICIDADE