O LG Stylus 2 será o primeiro smartphone en facer uso da nova xeración de radio dixital

luns, 14 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración dos Radiodays Europe 2016 no Palacio de Congresos de París LG anuncia que o seu smartphone LG Stylus 2 será o primeiro do mundo en contar con DAB+, o novo estándar de radio dixital, sendo os consumidores de Australia, Bélxica, Alemaña, Italia, Países Baixos, Noruega e Reino Unido os primeiros en recibir este novo smartphone.
Aínda que estamos afeitos a escoitar o móbil con moitos teléfonos móbiles, tanto a través de radio FM como a través de streaming, o bo da tecnoloxía DAB+ é que permite unha calidade de son excelente totalmente de balde para o usuario e sen consumo da tarifa de datos do móbil, e confíase en que poida suceder á radio analóxica en 40 países. En contraste coa codificación MPEG-2 da transmisións DAB estándar, con DAB+ emprégase aacPlus, o que permite maior calidade e menor taxa de bits.
O LG Stylus 2 xa se presentara hai un mes, dando conta da súa pantalla de 5,7 polgadas e o seu lapis dixitalizador, pero non se detallara o feito de que contaría con DAB+, o que si parece que será un factor diferenciador inicialmente para este terminal de gama media.

PUBLICIDADE