O LG V40 ThinQ ve a luz de xeito oficial

mércores, 3 de outubro do 2018 Marcus Fernández

O LG V40 ThinQ xa é un smartphone presentado oficialmente, confirmándose a súa aposta pola integración de 5 cámaras (dúas frontais e tres traseiras), contando cunha ampla pantalla OLED de 6,4 polgadas e estando equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 con 6 GB de RAM e 64/128 GB de almacenamento interno, no que podería considerarse unha configuración bastante ordinaria entre os móbiles da súa categoría, o que dificultará que destaque.
O máis salientable deste terminal é que na súa parte traseira integra unha cámara se super gran angular (107 graos) de 16 Mpíxeles, unha cámara de angular estándar de 12 Mpíxeles e unha cámara de telefoto (2x) de 12 Mpíxeles, de xeito que os tres obxectivos permitirían disparar captar máis ou menos ángulo de visión sen ter que achegarse ou afastarse do que queiramos retratar.
A súa cámara frontal presenta un obxectivo de grande angular de 5 Mpíxeles e outro obxectivo estándar de 8 Mpíxeles, aproveitando a dobre cámara para disparar mellores instantáneas con desenfoque de fondo e para aplicar outros efectos especiais.
Como vén a ser costume na liña V de LG, o novo smartphone tamén presenta son de grande calidade, grazas a un Quad DAC de alta fidelidade de 32 bits e un altofalante Boombox (que aproveita o espazo interno do móbil como cámara de resonancia).
O LG V40 ThinQ chegará ao mercado en catro cores distintas e, pese ao seu acabado elegante, estamos ante un terminal resistente, capaz de soportar caídas e con resistencia IP68 ao po e á auga.
Polo momento non sabemos o prezo e a data co que chegará ao mercado español.

PUBLICIDADE