O Lab Barbanza celebrou un Demoday con vistas a elixir os dez proxectos que pasan á fase de aceleración

mércores, 2 de decembro do 2020 S. P.

Ao abeiro do programa de formación e aceleración de empresas innovadoras Emprende Lab Barbanza, impulsado polo Concello de Boiro e a Deputación da Coruña, celebrouse na tarde deste martes primeiro de decembro unha xornada Demoday para escoller, logo das deliberacións do xurado, os dez proxectos de mercado, moitos deles marcadamente tecnolóxicos, que pasan á fase de aceleración.
Os responsábeis de cada iniciativa empresarial aspirante a participar no centro boirense de coworking tiveron que presentar os detalles e obxectivos das súas propostas. En total, tratábase de 18 proxectos emprendedores da comarca do Barbanza que, dende o mes de setembro, recibiron formación en modelos de negocio, plans de empresa, financiamento, mercadotecnia, vendas, etc.
O programa, segundo informa o Concello, ten como obxectivo “impulsar e fortalecer o ecosistema emprendedor da comarca do Barbanza con novas empresas baseadas no talento, a innovación e o rápido crecemento”.
Na xornada deste martes, á que asistiron o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio e Industria, Marcos Fajardo, os participantes presentaron os seus proxectos ante as e os integrantes do xurado, que os vai valorar tendo en conta cadanseus criterios de madurez, o potencial de crecemento, a calidade da exposición e a motivación e o aproveitamento do programa.
Nos vindeiros días comunicarán cales son os 10 proxectos emprendedores que pasan á segunda fase do programa.

PUBLICIDADE