O Lenovo Z2 Plus venderase na India cun prezo contido e procesador Snapdragon 820

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Lenovo parece ter atopado certo equilibro no novo smartphone que vai por á venda na India, o Lenovo Z2 Plus, que chegará cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 820 e estará dispoñible en dous modelos: un con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno que custará 17.999 rupias (240 euros), e outro con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno que venderase por 19.999 rupias (267 euros).
Estamos practicamente ante unha variante do ZUK Z2, que está á venda en China, e con estes terminais Lenovo tería demostrado ser quen de colocar trebellos con prestacións de alta gama e elegante deseño, pero cun prezo de gama media.
Unha das cousas que sorprenden á hora de vender o Lenovo Z2 Plus é que inclúe a aplicación U-Health, que fai uso dos sensores do teléfono para medir pasos, calorías, distancias... ou sexa, que quere entenderse como un accesorio atractivo para os que practican deporte e, precisamente por iso o Z2 Plus é compatible con sensores ANT+ e con rede de posicionamento por satélite Glonass.
Este terminal con lector de pegadas dixitais optou por aproveitalo como botón multi-función, no que dan en chamar U-Touch 2.0, e que con distintos xestos permite servir de botón de retroceso, invocar ao centro de notificacións, mudar de aplicación activa, acceder ás aplicacións recentes, ir a inicio ou chamar a Google Now, o que, sumado ao feito de que o trebello só ten un ancho de 68,8 milímetros, convérteo nun smartphone doado de empregar cunha única mal, algo bastante complicado de facer cos terminais actuais con grandes pantallas. De feito, o Lenovo Z2 Plus, pese a ter unha pantalla Full HD, non apostou polas 5,5 polgadas, senón por unhas moderadas 5 polgadas, que o converten en moi atractivo para os que queiran ter un bo móbil que sexa á súa vez manexable.
Outros dos puntos fortes deste smartphone é a súa cámara traseira de 12 Mpíxeles (cun tamaño de píxel no seu sensor de 1,34 micrómetros) á vez que tamén grava vídeo en 4K. A cámara frontal tampouco queda curta cos seus 8 Mpíxeles (e un tamaño do píxel no sensor de 1,4 micrómetros) e apertura f/2.0.
Para completar as especificacións deste móbil que sae á venda o vindeiro día 26 está a súa xenerosa batería de 3.500 mAh, tamaño bastante elevado para un dispositivo con este tamaño de pantalla.

PUBLICIDADE