O MBLOK opta polo Bluetooth para servir de almacenamento externo para os nosos dispositivos móbiles

luns, 19 de maio do 2014 Marcus Fernández

Como solución de almacenamento masivo que poder empregar en numerosos dispositivos incluso en mobilidade a compañía canadense Kwelea está a propor o MBLOK a través de Kickstarter, que sería unha pequena caixiña que integra no seu interior 128/256 Gb de almacenamento ao que pode accederse a través de USB ou mediante Bluetooth (cunha velocidade de transferencia de ata 24 Mbps), de xeito que dende o ordenador funcionaría como unha memoria USB calquera, mentres que dende dispositivos móbiles podería acceder aos seus contidos a través de aplicacións de seu, inicialmente dispoñibles para iOS e Android (aínda que de conseguir certo éxito chegaría tamén a outras plataformas como BlackBerry, Windows Phone e algúns smartwatches).
O MBLOK buscaría, entre outras cousas, pode funcionar en dispositivos móbiles sen que fose preciso acceso á Rede ou redes Wi-Fi, pode gardar contidos con seguridade (soporte cifrado de 128 bits) e promete unha autonomía de ata 300 horas.
Esta curiosa solución de almacenamento externo pretende facerse realidade en xaneiro de 2015, e neste momento ofrécese por dende 189 dólares canadenses (136,84 euros cos portes incluídos) no seu modelo de 128 Gb ou por dende 279 dólares canadenses (197,22 euros) con 256 de capacidade de almacenamento.


Vídeo de presentación da campaña de captación de financiamento para o MBLOK

PUBLICIDADE