O Meizu M3S, un novo smartphone chinés con magnífica relación calidade-prezo

luns, 13 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Cando falamos de smartphones de marca chinesa con certo nivel de calidade nos seus acabados, e cunhas prestacións notables, que se converten nos referentes en relación calidade-prezo, habitualmente citamos a Xiaomi, pero outra compañía leva un par de anos poñéndolle as cousas difíciles, Meizu, que vén de presentar o seu novo Meizu M3S, un novo terminal que promete ser un super-vendas por ser extraordinariamente completo mantendo o seu prezo en só 699 iuans (94,21 euros) no seu modelo básico.
Pese ao seu prezo tan contido, estamos ante un smartphone 4G con carcasa de metal (en cor dourada, rosa, prata ou chumbo), pantalla de 5 polgadas de alta definición con cristal con curvatura 2,5D, un procesador MediaTek MT6750 de oito núcleos a 1,5 GHz, 2/3 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais no botón de inicio, batería de 3.020 mAh e sistema operativo Flyme OS baseado en Android 5.1. O seu grosor é de só 8,3 milímetros e o seu peso de 138 gramos.
Os usuarios máis esixentes poderán facerse co modelo con 3 GB de RAM e 32 GB De almacenamento interno por 899 iuans (121,18 euros), e aínda que polo momento só se vende en China, é de esperar que en poucos meses estea tamén dispoñible a través de tendas ordinarias como acontece con outros teléfonos populares deste fabricante, podendo converterse nun terminal de entrada moi habitual.

PUBLICIDADE