O Meizu M6s opta por unha pantalla 18:9 e sitúa o lector de pegadas nun lateral

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Continúa a chegada de smartphones que optan pola adopción dunha pantalla cunha proporción de 18:9, tendencia imposta en 2017 polos teléfonos de alta gama e que agora chega aos dispositivos de gama media e incluso a algún teléfono de entrada. O último en sumarse á tendencia é o Meizu M6s, un teléfono con pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de 1.440 x 720 píxeles que tamén sorprende pola incorporación dun rápido lector de pegadas dixitais nun lateral (promete desbloquear o terminal en só 0,2 segundos) e que, grazas a un acordo con Samsung, convértese no primeiro dispositivo en integrar un procesador Exynos 7872 con 6 núcleos e soporte de 16 frecuencias de rede, que conta coa axuda dun procesador gráfico Mali G71 a 1,2 GHz.
O novo smartphone de Meizu tampouco quere quedar atrás en autonomía, e coa súa batería de 3.000 mAh aseguran que é capaz de reproducir até 9,5 horas de vídeo cunha única carga, á vez que tamén inclúe carga rápida a 18 watts, o que permítelle chegar ao 30% de carga en 15 minutos e ao 52% da carga en 30 minutos.
O teléfono estará equipado con 3 GB de RAM e 32/64 GB de almacenamento, cámara traseira de 16 Mpíxeles con apertura f/2.0, cámara frontal de 8 Mpíxeles con apertura f/2.0 e dobre SIM LTE, ten un grosor de só 8 milímetros e pesa 160 gramos.
Sairá á venda en China o vindeiro día 20 a un prezo de 999 iuans (127 euros) con 32 GB de almacenamento e de 1.199 iuans (152 euros) con 64 GB de almacenamento. Probablemente tamén o veremos pronto en España, como acontece con boa parte dos terminais deste fabricante.

PUBLICIDADE