O Meizu PRO 5 terá o procesador dos Samsung Galaxy S6

mércores, 23 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A chinesa Meizu está ampliar o seu catálogo de smartphones de grande tamaño e altas prestacións, para non limitarse aos tan demandados dispositivos de gama media-baixa (conseguindo grande éxito co seu Meizu M2 Note), e así atrévese a comercializar o Meizu PRO 5, un tabletófono con pantalla de 5,7 polgadas que apunta á gama alta cun prezo de 2.799 iuans (394 euros) no seu modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno e de 3.099 iuans (436 euros) para o modelo de 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, o que seguen a ser uns prezos contidos que non lle impiden gozar dun excelente deseño, unha fabricación de calidade e unhas prestacións á altura dos terminais de alta gama doutras compañías.
O Meizu PRO 5 presenta uns marcos curvados de metal que danlle un acabado elegante, goza dunha pantalla de 5,7 polgadas AMOLED con resolución Full HD e cristal 2.5D, o seu procesador é un Exynos 7420 (o que monta Samsung nos seus Galaxy S6, pode configurarse con 3 ou 4 GB de RAM e con 32 ou 64 GB de almacenamento interno, presume dunha cámara traseira de 21 Mpíxeles con sensor Sony IMX230 e gravación en 4K, cámara frontal de 5 Mpíxeles con apertura f/2.0, funciona con dobre nano SIM LTE con velocidades de até 300 Mbps e con soporte de VoLTE, conta con son de alta fidelidade (ao que chaman Retina Sound 2.0), e incluso pode presumir dunha batería de 3.050 mAh que pode cargarse mediante un dos novos portos USB-C e que é compatible coa tecnoloxía mCharge 2.0 que permitiríalle acadar unha carga do 65% en só 30 minutos.
Este novo terminal chegará ao mercado chinés o 12 de outubro, descoñecéndose polo momento cando chegará ao seu distribuidor oficial europeo.

PUBLICIDADE