O Microsoft Flight Simulator chega a Xbox Series X|S

luns, 26 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O pasado verán chegou a ordenadores persoais o Microsoft Flight Simulator como un auténtico portento gráfico que combina simulación de voo cunha recreación bastante fiel de case todo o planeta visto dende o aire, para o que combinaron a tecnoloxía de Bing Maps con Azure AI, o que nalgúns escenarios en concreto tradúcese nun realismo impresionante. E agora que as consolas de nova xeración están a consolidarse, como unha boa mostra de forza o Microsoft Flight Simulator estrea versión para Xbox Series X|S, que tamén está dispoñible a través de Xbox Game Pass.
Poder gozar dun título tan ambicioso nunha consola de videoxogos é todo un luxo que normalmente só estaba ao alcance dos que contaban cun ordenador de grande potencia, facendo moito máis accesible esta experiencia para os que queiran espremer o simulador de voo ou para os que simplemente queiran contemplar a súa casa dende o aire.
Aínda que este tipo de xogos tenden a ser moi complicados de manexar, o Flight Simulator adaptouse para un control correcto cun mando de consola, dando a sensación de que estamos a manexar un xogo de acción en primeira persoa, aínda que os xogadores máis esixentes poderán tamén facerse cun mando específico como o que comercializa Turtle Beach, e que simula os mandos dunha aeronave con bastante precisión.
A experiencia que ofrece o Microsoft Flight Simulator en consola claramente non pode ser superior á dun PC de alta gama, pero é máis que digna, resultando especialmente salientable o feito de que a Xbox Series S poida mover semellante título cunha taxe de fotogramas estable a Full HD, mentres que a Xbox Series X pode sorprender co nivel de detalle en 4K.
Un detalle a salientar é que está previsto que os usuarios que aínda teñen unha Xbox One poidan xogar ao novo Flight Simulator no futuro valéndose do xogo na nube de Xbox, facendo que os usuarios das vellas consolas poidan experimentar títulos que superan claramente as capacidades das súas máquinas.

PUBLICIDADE