O Ministerio de Economía recoñece o traballo de Altia na implantación de WECO

venres, 18 de xuño do 2021 S. P.

O Ministerio de Economía e Empresa (MINECO) recoñeceu o traballo da empresa tecnolóxica Altia na implantación de WECO. Trátase da aplicación de tramitación administrativa electrónica que é propiedade da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e que se implantou no MINECO coa colaboración da firma galega Altia. A empresa con sede en Oleiros leva traballando neste proxecto, coa CNMC, dende hai máis de cinco anos.
O labor de Altia consistiu na implantación de todos os expedientes de recursos, incluíndo a migración de datos da aplicación previa. Ao abeiro desa liña traballo Altia salienta o desenvolvemento de “integracións moi significativas”, como a integración de WECO con GEISER (rexistro da AGE) e con Notific@ (notificacións electrónicas).
Pola “súa capacidade para mellorar a calidade da xestión de recursos de telecomunicacións do Ministerio”, WECO recibiu un accésit do Premio á Innovación na Xestión outorgado á Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. O xurado valorou esencialmente “a simplificación colaborativa que o plan logrou”. Recoñeceuse tamén a creatividade, o impacto, a sustentabilidade e a eficiencia e a complexidade, xa que o proxecto contou coa colaboración de diferentes unidades, entre elas Red.es ou a Secretaría Xeral TIC, ademais de actores externos (cidadáns, operadores, CNMC ou o Defensor do Pobo), aplicando técnicas de colaboración público-privada que permitiron, grazas á colaboración coa CNMC, o uso dunha aplicación informática de xestión documental sen custos máis aló da súa adaptación.

PUBLICIDADE