O Moto 360 chega como o produto insignia de Android Wear

martes, 18 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Coincidindo coa presentación de Android Wear, Motorola deu a coñecer o seu smartwatch Moto 360, que fará uso desta tecnoloxía para converterse no reloxo de pulso do futuro, que pretende achegar información de interese mediante sutís alertas e notificacións coas que o dispositivo quere anticiparse ás propias demandas do usuario. Este reloxo permite que poidamos saber quen nos chama por teléfono ou nos remite un e-mail, ou consultar a hora da nosa vindeira reunión ou a última entrada dun amigo nunha plataforma social con só botar unha ollada ao reloxo, que xa non servirá só para mirar a hora.
O Moto 360 tamén responderá a ordes de voz, de xeito que tras dicirlle “Ok Google” podemos facerse preguntas que responderanse facendo uso da tecnoloxía de Google Now, pero sen ter que chegar a sacar o móbil do peto. Tamén poderemos reservar voos, apuntar citas na axenda, pór unha alarma ou mandar unha mensaxe de texto falando directamente con este reloxo que chegará ao mercado no verán, comezando a súa distribución polos EE.UU.
Para saber máis deste novo dispositivo podemos atender mañá ás 19:00 horas a un Hangout no que Jim Wicks (Motorola) compartirá numerosos detalles deste novo produto.

O Moto 360 achegará notificacións dun xeito sutil e efectivo


Vídeo de presentación do Moto 360

PUBLICIDADE