O Moto E6 chega prometendo unha boa experiencia de uso dende a gama baixa

venres, 26 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Para os usuarios que buscan un smartphone económico cunha experiencia de Android o máis pura posible chega unha nova opción ao mercado, o Moto E6, que estes días sae á venda nos EE.UU. a un prezo de 149,99 dólares (en breve chegará a Europa a un prezo igual de axustado) e ofrece un funcionamento solvente e unha versión recente de Android (con actualizacións garantidas), de aí que sexa un produto que será ben recibido pese a ser bastante básico.
O Moto E6 chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 435 de 8 núcleos, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB), pantalla IPS de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.440 x 720 píxeles, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, radio FM e batería de 3.000 mAh (que aseguran que é dabondo para operar todo o día).
Cómpre advertir que estamos ante un dispositivo que, por ser económico, ten algunhas carencias, como carga a 5 watts por un porto microUSB (algo difícil de xustificar en 2019), ausencia de NFC e Wi-Fi N (en vez de Wi-Fi AC), pero probablemente acade uns prezos en poucos meses (o seu modelo anterior pode conseguir actualmente por uns 119 euros) que fará que esas eivas poidan perdoarse facilmente.

O Moto E6 presume de ampla pantalla e boa autonomía

Vídeo promocional do Moto E6

PUBLICIDADE