O Moto Maxx comeza a súa comercialización presumindo de batería de 3.900 mAh

xoves, 6 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Antes da compra da compañía por parte de Google, Motorola contaba no seu catálogo con varios smartphones comercializados internacionalmente que destacaban pola súa autonomía, e agora que a compañía está en mans de Lenovo queren repetir a xogada, e anuncian o Moto Maxx, que comezará a súa distribución por América latina, pero que é de agardar que chegue tamén a Europa.
O Moto Maxx é un smartphone que permite superar os dous días de autonomía grazas á súa xenerosa batería de 3.900 mAh, que para non eternizar a súa recarga conta cun sistema de carga rápida, gozando tamén da posibilidade de facer cargas Turbo que permiten dotar ao terminal móbil de 8 horas de autonomía adicional con conectalo á corrente só 15 minutos.
Estamos ante un smartphone LTE cunha pantalla Quad HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos e última xeración, cámara de 21 Mpíxeles capaz de gravar vídeo en 4K, e unha carcasa resistente con nailon balístico preimum, fibra de kevlar DuPont e pantalla Corning Gorilla Glass. Temos así un dos poucos móbiles do mercado que poden presumir tanto de elevadas prestacións como de magnífica autonomía, podendo converterse nun dos teléfonos de gama alta máis desexados.

PUBLICIDADE