O Motorola One Hyper quere destacar polas súas cámaras

mércores, 4 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Orientándose á excelencia fotográfica, presentan para o mercado estadounidense o Motorola One Hyper, smartphone cun prezo de 399,99 dólares (361 euros) que presume dunha cámara principal de 64 Mpíxeles e unha cámara periscópica de 32 Mpíxeles para autorretratos, de xeito que a súa pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas non presenta nin pestana superior nin orificios. Para facer este smartphone aínda máis atractivo, a súa batería de 4.000 mAh, que promete até 38 horas de uso continuo, conta con carga rápida de 45 watts (de xeito que con 10 minutos de carga consegue autonomía para 12 horas de uso, e con 30 minutos de carga pode chegar ao 75% de capacidade).
As cámaras de maior resolución deste smartphone soportan tanto o modo para fotografías nocturnas como a tecnoloxía Quad Pixel para conseguir fotografías claras incluso en condición de pouca luz. A cámara traseira tamén conta con tecnoloxía en enfoque automático mediante láser, de xeito que pode enfocar ao momento incluso na escuridade. Tamén conta cunha cámara secundaria de ultra grande angular (118 graos) de 8 Mpíxeles.
Este smartphone tamén tira proveito da Google CameraX API, de xeito que aplicacións como Instagram poden tirar proveito da tecnoloxía de intelixencia artificial de Motorola (como o HDR, a visión nocturna e o modo retrato).
O Motorola One Hyper funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 675, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB), lector de pegadas dixitais, toma para auriculares, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, resistencia á auga, luz de notificacións, Dolby Audio e Android 10.
Este terminal está dispoñible dende hoxe nos EE.UU. e nas vindeiras semanas chegará a distintos mercados latinoamericanos e europeos.

Vídeo promocional do Motorola One Hyper

PUBLICIDADE