O Museo do Pobo en Galego organiza online a nova edición do seu certame MICE

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A décimo quinta edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico vai pasar a historia pola súa vertente decididamente virtual. Os motivos? Pois non son outros que as restricións derivadas do estado de alarma, orientada a frear o espallamento da pandemia. Segundo informa o Museo do Pobo Galego, organizador do certame, as novas ferramentas ofrecen unha ocasión de continuidade para a mostra MICE, que estaba prevista para esta semana (hoxe tería que comezar) no seu formato tradicional pero que arrinca baixo a fórmula dixital apoiándose no poder da cultural para, amais de brindarnos coñecemento, achegarnos “coidados e apoio mutuo”.
Desta volta non haberá seccións competitivas senón unha escolma reducida de contidos audiovisuais e formativos que se ofrecerán en liña. A intención é que todas as persoas poidan acceder dende as súas casas a a todos estes materiais.
Así, a partir deste martes 24 de marzo habilitarase na conta de Vimeo do Museo do Pobo Galego, unha canle na que se irán publicando cada dous días, algunhas das películas que pasaron en anteriores edicións pola MICE.

JPEG - 155.9 KB
Fotograma de Grab and Run, un dos filmes que se vai poder ver

Na primeira xornada poderase ver Grab and run, de Roser Corella, un filme que aborda o rapto de noivas en Kirguizistán e que foi premio á Mellor Película Etnográfica na 13 edición da mostra. Tamén se achegará Hora silenciosa de Noelia María Muiño, unha curtametraxe documental que nos aproxima á forma de vida da comunidade de relixiosas de clausura que viven no convento de San Paio de Antealtares e que o xurado da edición da MICE de 2019 decidiu premiar como a Mellor Película Galega.
Nas seguintes xornadas, habilitarase a visualización doutras películas premiadas na MICE como Nimble Fingers de Parsifal Reparato, un retrato de dúas traballadoras dunha das moita multinacionais que se asentan en Hanoi (Vietnam); Os fillos da vide de Ana Domínguez, unha viaxe fílmica que vai do persoal ao ancestral a través dos ciclos da vida e das estacións na súa terra natal; e Belén, de Adriana Vila, no que o público poderá coñecer a Belén María Palacios, a “reina del quitiplá”. Tamén se poderá visualizar O tesouro de Corcoesto, de Cora Peña, un documental que se centra na problemática do proceso extractivo da mina de ouro de Corcoesto (Bergantiños) e L’eau sacrée de Olivier Jourdain, unha película que nos mergulla na sociedade ruandesa, explorando a sexualidade da comunidade con humor e espontaneidade.
A programación desta MICE en liña completárase compartindo co público un par de lecturas de interese para o cinema etnográfico, e de cara á fin de semana, estarán dispoñíbeis contidos para o público familiar, cunha selección de curtas de animación elaborada por Marcos Nine e un video-obradoiro de xoguetes ópticos a cargo de Espacio Rojo.

PUBLICIDADE