O Netgear EVA9150 reproduce practicamente calquera vídeo en alta definición

martes, 21 de abril do 2009 Marcus Fernández

Coa entrada dos televisores de alta definición nos salóns domésticos e ante a pouca penetración do Blu-ray e a televisión en alta definición (ausente nas emisións terrestres, e só anecdótica nas de satélite) moitos consumidores buscan tirar proveito das súas pantallas mediante reprodutores multimedia coma o Netgear EVA9150, que inicialmente véndese cun disco duro de 500 Gb á vez que inclúe conectividade Wi-Fi e Ethernet, de xeito que pode reproducir ficheiros multimedia localizados a través da rede local ou da súa unidade de almacenamento interno, que subministra logo a través de HDMI, euroconector ou RCA.
Se ben xa hai moitos dispositivos semellantes, este dispositivo Entertainment Elite de Netgear destaca por un amplo soporte de formatos, xa que pode reproducir vídeo en MPEG-1/2/4, Xvid, Divx, H.265, WMV9HD a 1.080p soportando distintos contedores coma AVI, MOV, VOB, ISO, IFO ou mesmo MKV, de xeito que practicamente calquera vídeo dos que actualmente circulan na Internet sería reproducible, aínda que tamén é bastante bo o soporte de audio (con MP3 de ata 320 Kbps, radio por Internet en MP3, e compatibilidade con WAV, WMA, AAC, FLAC, WMA-Pro, M4A, AC3, DTS e outros formatos).
Para mellorar as súas posibilidades, o dispositivo tamén permite conectarse á Rede para ler novas por RSS, visualizar imaxes de Flickr e mesmo ver vídeos de YouTube, polo que resulta moi completo e versátil, aínda que non se anunciou a data de lanzamento en España. Sobre o seu prezo, agardamos que estea por debaixo dos 400 euros, pois o modelo EVA8000 pode adquirirse por 434,9 euros actualmente.

PUBLICIDADE