O Nexus 7 de 16 Gb está a ter unha maior demanda da prevista

luns, 23 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Aínda que en España non veremos o novo tablet de Google ata o mes de setembro, no Reino Unido e nos EE.UU. xa levan uns días na rúa, estando aínda a atender numerosas reservas deste trebello que destaca polo seu prezo axustado, pero que segundo fontes próximas a Google, estaría a ter unha resposta do público un tanto distinta á agardada, recibindo moitos máis encargos do previsto do modelo de 16 Gb, cando era de agardar que os usuarios fosen en masa ao económico modelo de 8 Gb (que en España chegará a 199 euros, mentres que o de maior capacidade tería un prezo de 249 euros), o que levou ao peche do sistema de reservas do Nexus 7 de 16 Gb a través de Google Play.
É posible que cando este trebello chegue a España xa estea normalizada a súa distribución (nos mercados nos que está dispoñible o tablet pretenden ter atendidos os encargos realizados a mediados do mes que vén), e é de agardar que poida adquirirse tanto a través da web como en establecementos físicos.
Polo momento Google non publicou datos de vendas, polo que resulta difícil saber se realmente o Nexus 7 está a vender ben, posto que non dar atendido a demanda inicial pode vir provocado simplemente polo feito de que o volume de unidades producidas sexa moi reducido.
Nas últimas horas dende Google tamén presentaron o anuncio televisivo do Nexus 7, que soubo presentar o produto sen pararse en detalles técnicos, limitándose a contar unha historia humana:

PUBLICIDADE