O OnePlus 3 chega ao mercado a un prezo de 399 euros

martes, 14 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A compañía chinesa OnePlus leva un par de anos tentando convencer aos consumidores de que é posible comercializar smartphones coa calidade dos móbiles insignia de primeiras firmas a un prezo reducido, e o atractivo da súa proposta obrigáballes a entregar o produto ao mercado de xeito dosificado, para poder atender á demanda, polo que estableceran un molesto sistema de invitacións para poder mercar os seus produtos, e agora que chega o OnePlus 3, cunhas magníficas especificacións e un prezo contido, o feito de que xa non haxa limitacións artificiais para a súa compra global vai convertelo sen dúbida nun dos smartphones de éxito e referencia dos vindeiros meses.
O OnePlus 3 é un potentísimo cunha pantalla Optic AMOLED Full HD de 5,5 polgadas con protección Corning Gorilla Glass 4, que curiosamente agora xa non parece un atranco polo seu elevado tamaño como acontecía nos modelos anteriores (que chegaron nun momento no que o mercado aínda non estaba afeito ás pantallas de 5,5 polgadas).
O novo teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 820 con 6 GB de RAM (LPDDR4), 64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 16 Mpíxeles con sensor Sony IMX 298 con apertura f/2.0 e gravación de vídeo en ultra alta definición, cámara frontal de 8 Mpíxeles con sensor Sony IMX179 e apertura f/2.0, LTE (cun modelo preparado para aproveitar as redes europeas), Wi-Fi AC, Bluetotoh 4.2, NFC, lector de pegadas dixitais, dobre micrófono con cancelación de ruído, LED de notificacións, dobre nano SIM, conector de audio de 3,5 milímetros, batería e 3.000 mAh con sistema de carga rápida Dash Charge (que en media hora completa a batería até o 63%), funciona con OxygenOS (baseado en Android Marshmallow), o acabado é en aluminio anodizado en cor grafito ou dourado suave, o seu grosor é de só 7,35 milímetros e o seu peso de 158 gramos.
Con estas especificacións propias dos smartphones de alta gama doutros fabricantes temos que o produto está á venda por 399 euros, con gastos de envío de balde, polo que realmente vai supor toda unha ameaza para outros terminais desta categoría, quedando só por debaixo dos grandes flagships na súa resolución de pantalla, que limítase ao Full HD posiblemente para conservar unha boa autonomía, polo que os usuarios que non precisen de máis resolución (por exemplo, para aplicacións de realidade virtual), teñen aquí un dispositivo que estaría preparado de sobra para aguantar varios anos sen quedar curto en prestacións.

PUBLICIDADE