O Oppo F1 usa un deseño coidado e unha boa cámara frontal como reclamo

venres, 15 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo continúa a ampliar o seu catálogo con smartphones de acabado coidado, e desta volta, en vez de achegar un terminal de elevadas prestacións que compita coa alta gama doutros fabricantes, opta por abrir en Europa as reservas do seu novo Oppo F1, un smartphone moi elegante que centra boa parte dos seus esforzos na súa cámara frontal para conseguir selfies de calidade.
Este Selfie Expert ten unha cámara frontal de 8 Mpíxeles, cunha apertura f/2.0 que consegue que reciba bastante luz, para conseguir boas auto-fotos, que serían un 30% máis claras que cunha das típicas cámaras frontais de 5 Mpíxeles e un 44% máis luminosa que as típicas cámaras con aperturas f/2.4. Pero se as características técnicas da propia cámara non fosen dabondo, Oppo cargou o seu terminal con software para aplicar efectos para que as persoas retratadas saian máis favorecidas, no que dan en chamar Beautify 3.0, ao que suman trucos como colocar a pantalla en branco durante os selfies para que actúe a xeito de flash fotográfico.
O Oppo F1 é un smartphone que chama a atención a primeira vista, cun corpo metálico de calidade (en cor dourado, prata ou rosa ouro), un grosor de 7,25 milímetros e pantalla Corning Gorilla Glass 4 con cristal curvado 2.5D e un tamaño de 5 polgadas (aínda que só cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles), que serían unhas dimensións moi agradecidas para moitos usuarios que ven como os cada vez máis habituais teléfonos de 5,5 polgadas resultan incómodos para o seu uso en mobilidade. O seu peso de só 134 gramos tamén xoga ao seu favor.
Internamente tampouco queda curto, cun procesador Qualcomm Snapdragon 616 de 64 bits e 8 núcleos, 3 GB de RAM, 16 GB de ROM (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira de 13 Mpíxeles (con HDR), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 2.500 mAh e con sistema operativo ColorOS 2.1 (baseado en Android 5.1).
Este novo smartphone pode xa encargarse dende España a un prezo de 229 euros, o que é un prezo bastante razoable para un terminal cos acabados de calidade propios de Oppo (fabricante chinés que se distancia dos seus competidores apostando precisamente pola calidade da súa produción).

PUBLICIDADE