O Parlamento Europeo quere impor un cargador único para dispositivos móbiles

venres, 31 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos normalizouse o uso de conectores USB para a carga de smartphones e moitos outros produtos de electrónica de consumo, grazas a acordos da industria que permiten así evitar a proliferación de cargadores nos fogares (que de funcionar cun único dispositivo tardarían pouco en converterse en refugallos altamente contaminantes), e aínda que as medidas adoptadas foron voluntarias, dende a Unión Europea queren tomar un partido máis activo, e dende o Parlamento Europea está a instarse á Comisión Europea a adoptar medidas lexislativas antes de xullo para facer realidade un cargador único para os dispositivos electrónicos portátiles.
Esta solicitude do Parlamento Europeo, «con carácter urxente» aprobouse con 582 votos a favor, 40 en contra e 37 abstencións, deixando claro que os parlamentarios queren establecer medidas que aposten pola redución dos residuos electrónicos e promovan a sustentabilidade.
Varias empresas tecnolóxicas (entre as que destaca Apple) non están conformes coa imposición dun tipo de conector de carga, xa que aseguran que pode ser un factor que limite a innovación (lembremos que existe unha importante carreira entre as tecnoloxías de carga rápida), pero dende a Comisión piden que se teña iso en conta, de xeito que o marco lexislativo a aplicar teña en consideración os avances técnicos.
O Parlamento Europeo tamén reclama á Comisión medidas que garantan a interoperabilidade dos distintos cargadores sen fíos con diferentes dispositivos móbiles, estudar iniciativas para aumentar o volume de cables e cargadores recollidos e reciclados na Unión Europea, e asegurar que os consumidores non estean obrigados a mercar un novo cargador con cada dispositivo novo.
Resulta curioso que pretendan adoptar medidas legais nun momento no que o conector USB-C e a carga Qi teñen unha presenza masiva, ou sexa, cando non existe ningunha necesidade real dunha nova regulación, pois na práctica só existe unha empresa que se afasta do conector común, Apple, que curiosamente si adoptou a carga Qi e é un dos patrocinadores do estándar USB-C (aínda que nos teléfonos aínda mantén o conector Lightning).

PUBLICIDADE