O Portal da Lingua informa de máis axudas de urxencia para as obras audiovisuais galegas

xoves, 15 de abril do 2021 S. P.

O Portal da Lingua informou este 14 de abril das axudas aos contidos audiovisuais integradas no Plan de Reactivación da Cultura da Xunta e que veñen de ser ampliadas e modificadas para a súa aplicación urxente. As subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, dotadas con 2,5 millóns de euros, incluíron un aumento significativo no ámbito das curtametraxes, das películas rodadas integramente en galego, das realizadas por mulleres, das de dirección novel cun orzamento non superior a 1,5 millóns de euros, das dirixidas por profesionais cunha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%, dos documentais cinematográficos ou dos traballos de animación cun orzamento máximo de 2,5 millóns de euros.
No marco do Plan de Reactivación da Cultura da Xunta, esta medida aplícase “de maneira urxente” para intensificar, en palabras da Xunta, “o apoio nesta serie de casos concretos, adaptándose así á posibilidade aberta polo novo regulamento estatal de desenvolvemento da Lei do Cine”.
Esta modificación permitirá financiar con estas axudas entre un 75% e un 85% do importe subvencionábel das producións, fronte ao límite legal anterior do 50%.
Ademais, para as co-producidas con países iberoamericanos este máximo elévase agora ao 60%, porcentaxe que ata o momento só era de aplicación no caso das coproducións transfronteirizas no seo da Unión Europea.
Xunto con esta modificación, ábrese un prazo complementario dun mes para a adaptación daquelas solicitudes xa presentadas no período inicial, pechadas o pasado 15 de febreiro, así como para a admisión de novos proxectos que encaixen nas novas categorías tipificadas na resolución acabada de publicar.
A Xunta lembra que estas subvencións á produción e coprodución audiovisual son as de maior dotación económica dentro do programa anual de axudas públicas a este sector que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do departamento de Industrias Culturais. O seu obxectivo é “continuar coa dinamización do audiovisual galego nun momento de gran visibilidade e no que, a pesar da crise sanitaria, está a conseguir manter os niveis de actividade en canto a rodaxes e estreas”.

PUBLICIDADE