O PowerSafer BC é capaz de recargar pilas alcalinas

xoves, 18 de decembro do 2008 Marcus Fernández

As pilas recargables son unha opción ecolóxica e imprescindible para certo tipo de dispositivos que non contan con baterías internas, pero teñen un consumo elevado, e así as pilas Ni-MH son algo moi habitual hoxe en día, substituíndo totalmente ás Ni-Cd que había anos atrás, quedando as alcalinas (non recargables) para usos marxinais (coma mandos a distancia e outros trebellos cun consumo moi reducido) pero un cargador de Powersafer promete optimizar tamén este tipo de baterías, sendo incluso tamén capaz de recargalas.
O Powersafer BC, que se vende a uns 29,95 euros, é un cargador de pilas AA e AAA, que acepta ata 4 baterías simultáneas, e que asegura ser capaz de operar co pilas alcalinas e recargables, sendo capaz de recoñecer curtocircuítos en pilas recargables (e promete arranxalos para que continúen operando) e optimiza o funcionamento das pilas a partir da segunda ou terceira recarga. O cargador recoñece automaticamente cada tipo de pila, as súas características e o nivel de carga que precisa; incorpora un indicador LED azul e unha pequena pantalla (na que se amosa o nivel de carga da pilas).
Pode parecer case máxico iso de recargar pilas alcalinas, pero hai que detallar que o proceso de carga das mesmas non parece un proceso recomendable, pois nin se poderán cargar todas nin resulta rápido, de xeito levaría 72 horas cargar unha pila cunha capacidade de 2.520mA. Este cargador tamén é bastante lento coas pilas Ni-MH, pois só é capaz de achegarlles 1.300mA/hora (en total) o que faría que cargar un par de pilas levase unhas 4 horas, polo que entendemos que se trata dun cargador preciso pero lento (no mercado hai modelos ultrarrápidos capaces de completar o proceso de carga de 4 pilas en pouco máis dun cuarto de hora).

PUBLICIDADE