O Programa ÚNICO levará banda larga a 366 vivendas e empresas de Boqueixón

venres, 28 de outubro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e maila subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitaron este venres 28 o concello coruñés de Boqueixón, onde deron a coñecer os plans do Goberno para dixitalizar o rural con conexión de alta velocidade, materializados a través do Plan ÚNICO. No que respecta a Boqueixón, fixeron saber que o Executivo central levará Internet de banda larga a 366 vivendas e empresas. Así llo fixeron saber ao alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, quen recibiu a Miñones e Rivas no Consistorio.
O rexedor agradeceulles “que viñeran a Boqueixón a presentarnos algúns proxectos” e “informarnos sobre o estado de tramitación de certos investimentos que temos solicitado de fondos Next Generation e que son moi necesarios para o concello”.
Pola súa banda, José Miñones reafirmou “o gran impacto que está a ter o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno nos pequenos municipios”, e engadiu que “Boqueixón é un exemplo de como o Goberno fai chegar o Plan de Recuperación a todo o territorio do noso país”.
Durante o encontro, o delegado do Goberno avanzou que o Programa ÚNICO Banda Larga (Único) posibilitará a conexión de alta velocidade de 163 puntos nos que se localizan 366 vivendas e empresas de Boqueixón.
“Estamos a falar de garantir a conectividade máis de 300 Mbps á práctica totalidade do territorio deste municipio, en 163 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”, subliñou o delegado.
Pola súa banda, o alcalde trasladoulle a problemática que se produce coas operadoras á hora de darlle servizo á veciñanza. Miñones admitiu a problemática e indicou que “agora se lles está a pedir aos Concellos que identifiquen as vivendas que non teñen fibra coa referencia catastral, para así tratar de solucionar ese problema en próximas convocatorias”.

PUBLICIDADE