O Proxecto Dragal achéganos dende a súa wiki ao noso patrimonio de raizame máxica

mércores, 27 de novembro do 2013 Redacción

Presentación das máis recentes novidades do Proxecto Dragal en MICAtlántica nunha imaxe de Sermos GalizaAs propostas culturais galegas estenden as súas pólas cara a Rede e están ben que así sexa. Un exemplo deste proceso de ramificación TIC, salientábel dende tódolos puntos de vista, é o Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia que ten como alicerce a triloxía literaria da escritora Elena Gallego Abad (a triloxía Dragal) e que comezou xa hai tempo a subir a escada tecnolóxico-dixital confirmándose -xusto agora- a ascensión e conquista de dous chanzos ben definidos: o primeiro a posta en marcha dunha Dragalpedia e o segundo a materialización dunha Topoteca.
Lembrar que Dragal é un triloxía de gran éxito escrita por Elena Gallega e cuxos dereitos foron adquiridos por Ficción Producións (dereitos lanzados por Xerais) para ampliar o radio de acción das novelas no mundo crossmedia. A idea consiste (entre outras cousas) nunha adaptación ao cinema da triloxía, no desenvolvemento de videoxogos para varias plataformas, cómics e a creación dunha comunidade de seareiros a través das redes sociais (esta última, a cuestión na que nos centramos neste texto). Ficción traballou e traballa arestora na adaptación do texto de cara a un abano amplo de versións e propostas con clara vertente tecnolóxica. O caso é que boa parte destes traballos ficaban até o de agora nun réxime de moderado secreto para o común dos internautas galegos, pero a empresa galega achegou unha serie de datos concretos estes días no marco da MICAtlántica (o mercado cultural que se desenvolveu os días pasados en Santiago). Neste evento, fíxose saber que o Proxecto Dragal xa conta cunha web de seu na que se inclúen cousas como unha Dragalpedia, destinada a facilitarlles aos lectores o descubrimento de lugares máxicos e lendas da súa contorna, reivindicando o patrimonio oral galego da man (ou da gadoupa) dun personaxe introdutor que non é outro que un dragón. Así o fixo saber a propia autora Elena Gallego Abad e recollen medios como Sermos Galiza, salientando que estamos perante unha proposta na que están a traballar de forma colaborativa 518 rapaces en 7 centros de ensino. O resultado visíbel é unha wiki interactiva onde se nos poñen ao alcance da man múltiples xeitos de acceder ao universo creado pola escritora.
Na wiki están implicados tamén 40 ensinantes de centros como por exemplo o IES de Mos, IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, CPI de A Cañiza, Cidade de Antioquía de Xinzo da Limia, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón e IES David Buján de Cambre. Un dos obxectivos desta enciclopedia virtual incluída no Proxecto Dragal é a “recuperación, catalogación e revalorización dun patrimonio inmaterial que se está a perder e que atopa os primeiros chanzos na Dragalpedia e a Topoteca que están xa en activo”.

PUBLICIDADE