O Proxecto R.E.D.E.S. enche YouTube de vídeos para promover a navegación segura entre adolescnetes

mércores, 7 de decembro do 2022 S. P.

Un grupo de estudantes de cuarto curso do Grao de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela vén de dar forma a unha nova e innovadora canle didáctica, interactiva e en galego de YouTube destinada a promover o uso seguro do Internet e das redes sociais, así como dar a coñecer as consecuencias do seu uso equivocado. Trátase do proxecto R.E.D.E.S. (Recoñecemento e Descubrimento de Espazos Seguros). O target deste proxecto é a mocidade de entre os 13 e 16 anos de Galicia.
Para a concepción e deseño deste proxecto, levouse a cabo unha investigación na que participaron máis dun centenar de escolares galegos, obténdose resultados (en xeral) moi preocupantes. O proxecto concíbese como unha aventura interactiva na que o usuario aprenderá acerca da contorna dixital, obtendo as ferramentas precisas para identificar situacións de risco nas redes. A aventura que se formula xira entorno a Xulia, unha rapaza que se ve envolta nunha serie de contratempos relacionados co uso das redes. Falamos co equipo de R.E.D.E.S. e isto é o que nos contan...

-Por que é necesario impulsar as navegacións seguras?
-Cada vez son máis os/as adolescentes que utilizan redes sociais, e pese a ser menores de idade un 25% deles deciden ter un perfil público, e se o teñen privado un 10% acepta todas as peticións de amizade con independencia de ter trato con elas ou non. A maiores, nestas redes confirman recibir mensaxes de usuarios/as que non coñecen e un 17% decide contestar e manter conversas con eles/as.
Con respecto á seguridade, ben é certo que aumentou o número de persoas que elixen un contrasinal complexo para as súas contas (61%), en contraste a este esperanzador dato, un 62% dos/as enquisados/as non modifican os seus contrasinais, e incluso un 35% dos/as mesmos/as, chegaron a compartila algunha vez, poñendo en perigo a súa privacidade. Así mesmo, só un 38% dos/as usuarios/as pechan sesión nas plataformas tras finalizar o seu uso e un 90% aceptan as políticas de privacidade sen lelas con anterioridade.
Todos estes datos impulsaron e guiaron o deseño deste proxecto, pero a porcentaxe que nos levou a implicarnos ao máximo e con urxencia, foi o 28% de adolescentes que foron vítimas de ciberdelitos, concretamente, de estafa por compra, ciberbullying, suplantación de identidade, publicación e difusión de contido sen permiso e hackeo de conta.

-Por que facedes fincapé nas idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos?
-Vivimos rodeados/as de tecnoloxía na que imos deixando, a medida que a empregamos, unha pegada e identidade dixital. Un pedaciño de nós móstrase neste mundo. Xa que a contorna dixital facilita non só compartir a nosa información senón acceder á do resto, é fundamental limitar o que compartimos, xa que non coñecemos en mans de quen vai acabar. Ademais disto, mencionar as múltiples noticias que vemos acotío, nas que se recollen as vivencias de persoas que sufriron os perigos da Rede acabando moitas delas prexudicadas mentalmente.
Por iso, ao observar esta necesidade enfocamos o noso proxecto na ciberseguridade. O que nos levou á pregunta: en que grupo de persoas debemos incidir especialmente? Pensamos na xuventude de idades comprendidas entre 13 e 16 anos, pois é cando comezan ter o seu primeiro acceso a esta contorna dixital e cando experimentan unha chea de cambios: persoais, emocionais… Polo que, queremos proporcionarlles axuda e recursos, especialmente nesta complexa etapa.

-Cales son os principais riscos que nos achega un mal uso das tecnoloxías e das redes socias?
-Un dos principais riscos que nos achega é a vulnerabilidade da nosa información persoal ante outros. Este feito pode implicar diferentes consecuencias entre as que destacan estafas, suplantación de identidade e acoso na Rede.

-Dicides que o proxecto concíbese como unha aventura… en que consiste esta aventura interactiva e que quixestes contar a través dela?
-A aventura que se formula xira en torno a Xulia, unha rapaza que se ve envolta nunha serie de contratempos na Rede(s) e onde ten que tomar unha serie de decisións. Sendo así, a través de Xulia quixemos reflexar os perigos que te podes atopar diariamente no uso da Internet vivindo o/a usuario/a en primeira persoa estas experiencias, o que conduce á persoa a reflexionar sobre as súas decisións e as súas consecuencias no mundo da Internet.

-Para o inicio do ano, cales son os obxectivos do voso grupo de traballo en relación a R.E.D.E.S e outros novos proxectos?
-A nosa idea principal é difundilo e continuar co proxecto, pero isto último dependerá do grao de participación da poboación. A partir de aquí, iremos vendo que rumbo tomará o proxecto e que novos obxectivos estableceremos.

PUBLICIDADE