O Redmi Note 9S terá potencia para xogar e grande batería

luns, 23 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Xiaomi está a ampliar a súa oferta de móbiles de gama media co Redmi Note 9S, un dispositivo que aposta pola potencia ao equiparse cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G de 8 núcleos con gráfica Adreno 618, que busca ofrecer unha boa experiencia en xogos móbiles, ao que tamén contribúe a súa batería de 5.020 mAh con carga rápida de 18 watts.
Sorprende ver que este teléfono ten unha cámara traseira cuádrupla en disposición cadrada, atendendo ás novas tendencias, á vez que coloca o seu lector de pegadas nun lateral (facendo tamén de botón de acendido), configuración que semella que será bastante frecuente nos móbiles económicos dos vindeiros meses.
O Redmi Note 9S ten unha pantalla Full HD+ de 6,67 polgadas que será o primeiro móbil Redmi cunha cámara frontal de 16 Mpíxeles integrada nun orificio en pantalla. A cámara traseira, pola súa banda, ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, un ultra grande angular de 8 Mpíxeles, un sensor macro de 5 Mpíxeles e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles.
Este smartphone estrearase esta semana en Malaisia, Singapur, Vietnam e Tailandia cuns prezos ao cambio que serían de aproximadamente 218 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e de 238 euros con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.

PUBLICIDADE