O Redmi S2 terá unha cámara frontal de 16 Mpíxeles

xoves, 10 de maio do 2018 Marcus Fernández

O fabricante chinés Xiaomi parece estar a tomarse moi en serio o converterse xa no cuarto vendedor de smartphones en Europa (cun crecemento superior ao 999%), só por detrás de Samsung, Apple e Huawei, e continúa a reforzar o seu catálogo de terminais de gama media, ao que agora engádese o Redmi S2, un teléfono claramente enfocado a un público que busca cunha pantalla de grande tamaño e unha cámara frontal de calidade para disparar bos selfies.
Estamos ante un teléfono con pantalla de 5,99 polgadas cunha resolución de 1.440 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 625, 3/4 GB de RAM, 32/64GB de almacenamento interno, cámara traseira dual (con sensores de 12 e 5 Mpíxeles), cámara frontal de 16 Mpíxeles, lector de pegadas traseiro, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, batería de 3.080 mAh (que se carga a través de microUSB), un grosor de 8,1 milímetros e un peso de 170 gramos, ou sexa, que poderiamos considerar que estamos ante unha versión económica do Mi 6X, que en vez de partir dun prezo de 1.599 iuans (211 euros), custa só 999 iuans (132 euros) no seu modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento eleva o seu prezo até os 1.299 iuans (172 euros).
Este smartphone sairá á venda en China o vindeiro día 17, e aínda que ten unhas especificacións bastante básicas en certos aspectos, algo que si resulta de agradecer é que ao empregarse con dúas tarxetas nano SIM non se sacrifica a posibilidade de ampliar a súa memoria interna cunha tarxetas microSD.

PUBLICIDADE