O Redmi 2 Prime fabricarase na India

luns, 10 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Xiaomi, a fabricante que conseguiu retomar o trono do mercado chinés no último trimestre, comeza a fabricar os seus dispositivos na India dentro da súa política de expansión polo continente asiático, confirmando esta mañá que comezará tal produción co seu Redmi 2 Prime, versión renovada do seu terminal económico de referencia, que poderase mercar na India por 6.999 rupias (uns 100 euros). Entre os países nos que Xiaomi ten fábricas fóra de China estaría Brasil, como unha estratexia para evitar os elevados impostos de importación.
O Redmi 2 Prime producido na fábrica de Foxconn en Vizag, venderase a través da tenda en liña de Xiaomi e doutros establecementos electrónicos (Amazon, Snapdeal e Flipkart) e trátase dun terminal con pantalla IPS de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 410 de 4 núcleos a 1,2 GHz e 64 bits con gráfica Adreno 306, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 GB), dobre SIM 4G, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, un peso de 133 gramos, un grosor de 9,4 milímetros e unha carcasa con esquinas redondeadas e traseira lixeiramente rugosa para conseguir un bo agarre (e dispoñible en varias cores). A súa batería de 2.200 mAh tamén conta con tecnoloxía de carga rápida.
Estamos ante un terminal moi completo, cun prezo moi axustado, que como principal eiva tería que funciona con MIUI 6, sistema operativo baseado en Android 4.4.4, en vez de optar por unha versión máis moderna do sistema operativo promovido por Google.

PUBLICIDADE