O SERGAS muda ao galego a lingua por defecto da aplicación É-Saúde

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

A Mesa vén de informar dun importante logro das súas campañas da Liña do Galego, impulsadas en colaboración coa comunidade internauta para lograr, a través de comunicacións colectivas, que se respecten os dereitos lingüísticos das galegas e os galegos. En concreto, A Mesa vén de conseguir que o SERGAS mude a lingua por defecto da aplicación móbil É-Saúde do castelán ao galego. Así llo comunicou á plataforma pola lingua a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, tras recibir unha queixa da Mesa tramitada a través da Liña do Galego.
"O dereito ao uso do galego en todos os ámbitos da vida por parte dos cidadáns está garantido na Constitución Española, no Estatuto de Autonomía de Galicia e nas normas sobre normalización lingüística", recorda Fernández Galiño. "Este dereito", engade, "vén reflectido tamén en documentos internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, acordada en 1992 no seo do Consello de Europa, para a defensa e promoción de todas as linguas europeas, mesmo as que teñen estatuto de cooficialidade, como o galego na Comunidade Autónoma de Galicia".
A Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía do Servicio Galego de Saúde vai modificar, polo tanto, a lingua prioritaria de comunicación coa cidadanía galega.
A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, recorda que “máis da metade das reclamacións que recibe cada ano o servizo refírense á administración pública, destacando a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do SERGAS, especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020”.
E engade A Mesa: “Os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que esta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no noso territorio. Porén, a atención sanitaria segue sen estar dispoñíbel en galego, causando ademais importantes trastornos a quen o solicitar”.
As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña a través do número 981 563 885, do correo electrónico linhadogalego@amesa.gal ou da aplicación móbil A Liña do Galego.

PUBLICIDADE