O SERGAS traballa no deseño dunha aplicación que permita facer un seguimento da diabetes a través do móbil

venres, 18 de xuño do 2021 Pedro Pérez

O conselleiro de Sanidade, Julio García, anunciou na xornada sobre Tecnoloxía ao servizo da saúde en Galicia: no caso da diabetes (Diabetech), que o seu departamento está a deseñar unha aplicación que permita a pacientes e a profesionais sanitarios realizar un seguimento da diabetes a través do teléfono móbil.
O obxectivo desta aplicación é mellorar o control da enfermidade no día a día, e en caso de que se detecte algunha alerta, se notifique de inmediato ao seu médico. A ferramenta tamén permitirá incorporar, de xeito automático, as medicións continuas de glicosa ao historial clínico. García Comesaña tamén informou de que o Sergas está a traballar nunha nova actualización do proceso asistencial integrado da diabetes mellitus tipo 2, e ten en marcha un concurso centralizado para sensores tipo flash e outro para bombas de insulina.
Este traballo segue a liña do SERGAS dos últimos anos, que está a incorporar a tecnoloxía más avanzada a todos os seus centros sanitarios para garantir unha boa atención sanitaria aos pacientes diabéticos. Así, dotouse de material en atención primaria con retinógrafos e ecodóppler para o diagnóstico precoz de complicacións; ou co dispensado de sensores tipo flash.
Ademais, García Comesaña destacou a implantación da interconsulta electrónica, dispoñible en todas as áreas sanitarias, que facilita o traballo dos profesionais de atención primaria e evita tanto as derivación a atención hospitalaria como os desprazamentos dos pacientes.
A xornada tamén contou coa participación do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo; o subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación, Alfonso Alonso Fachado; e a subdirectora xeral de Atención Hospitalaria, Raquel Vázquez Mourelle.

PUBLICIDADE